martes, 17 de decembro de 2013

A PONTE DO CREGO OU DO FRADE (DÚAS IGREXAS)

É unha das tres pontes que atravesan o Lérez na parroquia de Dúas Igrexas, ademais da Ponte de Valiñas e da Ponte da Carballa. Na actualidade hai dúas pontes, pero aquí referímonos á máis antiga, que tampouco é a orixinal, senón a remodelación feita no século XVIII da primixenia, atribuída ó abade San Gonzalo das Penas de Aciveiro. Feita en perpiaño, posúe un só arco rebaixado que comeza no mesmo leito do río, duns oito metros de longo por dous e medio de ancho e catro de alto, e con varanda de cantería. Servía antigamente para que os veciños de Valiñas e Loureiro puideran chegar a pé enxoito ó núcleo central da parroquia, A Igrexa. O topónimo Frade provén do provenzal Fraire e do latín Fratre. Na Terra de Montes todos os topónimos vinculados ós  frades teñen que ver con actividades dos monxes de Aciveiro, coma Porto do Frade, na parroquia de Millarada. Ten dúas copliñas asociadas no folclore local: “A aldea de Loureiro / de lonxe parece vila / ten un caravel na entrada / e unha ponte na saída” “Aldeíña de Loureiro / aldea que todo o ten / o cruceiro, a ponte e o castro / e boas mozas tamén”. Está vinculada a ela unha lenda local que fala da ninfa Loureiriña, baixada do castro de Loureiro á ponte do Crego, onde se aparecía de cando en vez ós  viandantes.
 
 
 
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario